A asociación A Voz da Sanidade de Cangas continua denunciando o deterioro e a precariedade laboral no centro de saúde de Cangas e por esta razón convocamos á veciñanza de Cangas a unha concentración o próximo venres 3 de xuño ás 20:00h diante do Concello de Cangas.

Segundo o Plan Funcional presentado pola Xerencia da área sanitaria o Centro de Saúde de Cangas conta con 14 médic@s de familia: 10 na quenda de mañá e 4 na quenda de tarde. Pero a realidade é ben distinta porque tan só están a traballar 12 médic@ : 9 na quenda de mañá, pois este sen cubrir unha baixa, e 3 na quenda da tarde por estar sen cubrir unha vacante desde hai tempo.

Se esta situación non muda nas próximas semanas, o centro de saúde afrontará a época estival en condicións precarias. Un ano mais non contaremos co reforzo de costa para atender á poboación que se achega a Cangas para descansar e gozar do noso entorno nin coa dotación da terceira ambulancia para o Morrazo. Esta plantilla deficitaria ten que asumir as substitucións das vacacións dos seus compañeir@s, á poboación desprazada, aos pacientes doutros centros de saúde cando lles falta persoal. Todo isto repercutirá nun aumento da lista de espera, nunha peor atención á cidadanía e nun empeoramento dos datos da saúde da poboación.

A Voz da Sanidade de Cangas entende que para rematar con este déficit é necesario dotar aos centros sanitarios de Cangas co persoal necesario tal como propuxemos no noso Estudo de Necesidade Sanitarias de Cangas en xaneiro do 2018, traballo recoñecido no propio estudo de GESMEDICA.

Por toda esta situación, esiximos a convocatoria extraordinaria de dotación das vacantes existentes na contorna como forma de cubrir os déficit estruturais e estabilizar as plantillas, única forma de dignificar o traballo e xerar empatía co sistema sanitario público. Así como cubrir as vacantes que xeran as vacacións d@s traballadores/as, tan necesarias polas condicións do traballo a que están sometid@s.

Asemade, A Voz da Sanidade de Cangas queremos facer público o noso apoio á mobilización convocada pola Mesa Local da Sanidade de Moaña para o domingo 5 de xuño e enviar a nosa solidariedade á veciñanza na súa loita por unha Atención Primaria Digna e de Calidade para o seu pobo.

 

Cangas, 27 de maio de 2022

 

Carmen Nores Maquieira